Pedro Mouriño é bo coñecedor da situación política, económica e social rusa. Empresario galego cunha importante actividade comercial nos países do antigo espazo soviético, ocupa desde hai máis dun ano o consulado honorario de Rusia na Galiza. Hoxe achega a súa perspectiva sobre a situación nese país.
Xacobe Ferreiro/Nós Diario
Na súa calidade de empresario con negocios en Rusia, como está a afectar a situación en Ucraína as relacións comerciais entre Galicia e Rusia?
As relacións comerciais entre empresas galegas e rusas son importantes, e está claro que podería ter consecuencias. En primeiro lugar, afecta a Inditex, que ten precisamente en Rusia o seu mellor mercado internacional, onde conta con varios centenares de tendas e cerca de 10.000 empregados. O contexto complica a situación empresarial do xigante galego do téxtil en Rusia, debido a que xa afecta á súa cotización en bolsa.
Podería afectar tamén á subministración de gas, xa que Galicia é a porta de entrada do gas ruso á península ibérica. A través da regasificadora de Reganosa en Ferrol prodúcese a descarga máis importante de gas natural proveniente da planta do Ártico ruso. Se esta subministración decaese, tamén se reducirían significativamente os ingresos da Autoridade Portuaria de Ferrol, e este feito afectaría negativamente a todo o ecosistema de empresas provedoras do porto.
Tamén ao comercio bilateral entre Rusia e Galicia. Un bo número de empresas galegas exportan ao marcado ruso. Estamos a falar de moitas empresas auxiliares do sector naval, o sector pesqueiro, etc.
Por último, se dan outras incidencias derivadas do intento de substituír o gas natural ruso polo estadounidense. Hoxe mesmo informáronme dunha empresa de transporte de Santiago que renovou a súa frota de camións para utilizar o gas natural como combustible. Debido ao incremento do custo do gas e á incapacidade de repercutilo aos seus clientes, a empresa entrou en concurso de acreedores.
Como explica a decisión do Goberno estadounidense de enviar máis de 3.000 soldados ao leste de Europa?
A política americana do medo é tratar de afastar outros problemas. O gran fracaso que foi Afganistán para os EEUU tratan de ser agora compensados cun despliegue que permita máis horas de propaganda e medo. EEUU ten máis de 200.000 efectivos despregados por máis de 180 países. É mais, o 39% do gasto militar mundial corresponde a EEUU fronte ao 2,67% que gasta Rusia. Me pregunto que pensarían os EEUU se Rusia despregara máis de 3.000 soldados en México ou en Canada.
Neste contexto, como explica a posición da Unión Europea de seguidismo da estratexia de Estados Unidos e da OTAN?
Dentro de Europa existen posturas moi contrarias ao conflicto. Grandes países europeos, como Francia, Alemaña ou Italia, entenden que Rusia é un socio de primeira orde en todas as esferas posibles: financeira, industrial, enerxética, etc. Polo tanto, son conscientes de que todo conflito con Rusia debilita a Europa no seu conxunto. A quen menos beneficia o conflito é xustamente a Europa enteira.
Un dos estados da UE cunha posición máis belixerante en relación con Rusia é o español, a que pensa que atende esta postura?
Ademais da miña faceta de empresario, tamén son cónsul honorario de Rusia en Galicia, polo que, permítame vostede, absterme de facer comentarios á política interna de España por un respecto institucional. Hai uns días o embaixador de Rusia en España xa valorou as accións do Goberno español, polo cal me remito ás súas declaración neste eido.
Estados Unidos no leste de Europa
Escoitando as palabras de Pedro Mouriño, sorprenden as informacións do Executivo estadounidense a respecto dunha inminente intervención rusa en Ucraína. O cónsul honorario de Rusia considera que obedecen «ao interese dos Estados Unidos por desgastar a Rusia». «O seu recente fracaso en Afganistán, as súas propias crises políticas cun presidente, Biden, moi cuestionado no seu país, e o interese en activar un medo infundado e incerto a que Rusia poida utilizar o gas como arma política para substituír o ruso polo gas americano» son, di Mouriño, cuestións chave na situación. «Todo o demais é política do medo. Como mostra diso foron as publicacións na axencia Bloomberg dun suposto informe de «servizos secretos» que amosaban o plan ruso para intervir en Ucraína. Logo a axencia tivo que recoñecer que a información publicada era falsa. Todo isto lembra ao episodio das armas de destrución masiva de Iraq», afirma.